Ouro

A cavidade interna é o teu ser

Hai moitas formas de atopar ouro, monte Louro é unha delas. 
Nunha das súas ladeiras ábrese un gran buraco coñecido como 
'Profundo de monte Louro'. Un boi muxe nas noites de temporal 
para custodiar o tesouro que agocha o máis profundo 
do monte de ouro. E o temporal será sempre unha 
forma de achar o tesouro.

Montefurado é outra delas, un monte furado polos romanos 
para desviar a canle do río Sil, polo visto escondía ouro no seu leito. 
Levaron o ouro e deixaron o furado. 
Mais nós sabemos que a riqueza provén do que existe, 
pero o valioso provén do que non existe.

No mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil tamén houbo aneis de ouro, 
foron nove, para nove bispos: Isauro, Mirarasio, Gonzalo Osorio, 
Froalengo, Servando, Viliulfo, Pelayo, Alfonso e Pedro. 
Un anel para o trono escuro ou para os palacios de pedra, 
un anel para a terra das sombras, outro para a terra dos mortos.


Asentamento castrexo, mosteiro, castelo militar, residencia do mariscal
Pardo de Cela, obxecto de ataque polas revoltas irmandiñas,
residencia episcopal, casa consistorial, xulgado municipal,
punto de información turística, sala de exposicións ou museo.
O Castro de Ouro érguese sobreo o Val de Ouro,
lugar de importancia estratéxica cando a estratexia
e o ouro tiveron cita neste lugar.
Coñece a honra, mantente na humillación, 
vólvete val do mundo.