miércoles, 12 de junio de 2019

Pisadas de Encanto




Mentres a primeira civilización europea da que conservamos escritura, construe cidades laberínticas nas illas do Mar Exeo, palacios, sistemas de canalización de augas residuais, frescos ricos en simbolismos e colorido, e adora á figura do touro como símbolo de poder político e de fecundidade; no norte da provincia de Lugo, os homes e mulleres que vivían mirando ao Cantábrico durante a idade de bronce observaban o chan ao mesmo tempo que o ceo, e as pisadas, como non podía ser doutra maneira, eran de Encanto.
11 pegadas  de distintas medidas e dúas cazoletas (ocos escavados na superficie das rochas) con 5 garras que lembran ás pegadas do oso. Atópanse nos lindes das Fádegas, entre o río Grande e o acantilado que cae vertical sobre a beira oposta, na parroquia de Cubelas, os primeiros petroglifos podomorfos (con forma de pé) atopados na Mariña. Durante o atardecer de San Xoan a sombra que proxecta o acantilado oculta paulatinamente as pegadas humanas, sen chegar a cubrir nunca as animais. O mar alcanza ao sol antes de que a sombra esconda as pegadas do animal.
A lenda conta que as pegadas son dunha fermosa moza que solo se deixa ver durante o solsticio de verán, a súa alma vive nas rochas o resto do ano, pero durante estes días trae consigo unha galiña que pon ovos de ouro de 18 kilates. A xente da Mariña evita esta ruta durante estes días, porque, a cambio do ouro, Encanto lévate con ela a vivir entre as rochas.


No hay comentarios: