Santa María a Real de O Cebreiro (III)



Un dos principais detalles que chama a atención en O Cebreiro é a súa sinxeleza ornamental e a súa modesta arquitectura construtiva, algo que definitivamente non foi marca da casa cluniacense, e aínda que certamente abunda no ideario colectivo a indubidable vinculación da casa Cluny co esplendor e desenvolvemento do camiño de Santiago, en O Cebreiro parece conservarse unha orixe anterior que non necesariamente esperou a Cluny para comezar a andar. De feito, desde o ano 833 ao 1072 O Cebreiro foi independente de Cluny, e co que respecta á estrutura arquitectónica da igrexa non parece ter feito grandes engadidos por influencia dos monxes franceses.

Os motivos ornamentais están ausentes en O Cebreiro, deixando intacto o seu carácter secular. Mesmo as súas modificacións procuraron manter a disposición orixinal da igrexa. A simplicidade da súa estrutura, combinada coa profundidade da súa historia, marcan en O Cebreiro un estilo propio diferenciado do resto de construcións do camiño. Según un estudo de Adeline Rucquoi, a peregrinación a Santiago durante os dous séculos que seguiron ao descubrimento da tumba do apóstolo parece realizarse maiormente por vía marítima. O antigo roteiro marítimo que unía, en época romana, os portos da cornixa cantábrica con Aquitania existía aínda no século VI, como o testemuña Gregorio de Tours no De miraculis sancti Martini. Desta ruta de conexión marítima quedou constancia tamén no sartego do Conde Santo en Lourenzá, traído probablemente desde Aquitania a Galicia, e envolto ademais nunha lenda similar á do Apostolo. 

No 906, o rei Alfonso III Magno aproveita unha contestación aos canónigos de Tours para aclararlles que, respondendo á súa pregunta, o santuario apostólico atópase a pouca distancia do mar. O antigo porto romano de Noega (Xixón) permitía que os peregrinos chegasen a Oviedo para iniciar na catedral dedicada ao Salvador a súa peregrinación ata Santiago. A construción, no ano 922, dun roteiro entre Oviedo e o río Sil, testemuñada por unha inscrición epigráfica que atribúe o seu mérito ao rei Fruela, levaba así aos peregrinos cara a Astorga e a antiga vía romana. De feito, antes de mediados do século XI a inmensa maioría dos mosteiros que recibiron doazóns para poder acoller a hospites peregrini e pauperes advenientes atópase situada, ben na vía que une Brigantium con Santiago, ben en ou ao redor de Oviedo, así como no camiño entre Astorga e Compostela. 

Este vínculo co mar é ademáis un compoñente que define gran parte da esencia da lenda xacobea e do que xa temos falado noutras ocasións.

O desenvolvemento da peregrinación a Santiago, desde o descubrimento da tumba na terceira década do século IX, é indubidablemente obra dos reis. Antes de que o mosteiro borgoñón de Cluny tivese parte no desenvolvemento do Camiño a Santiago, durante 2 séculos estivo éste baixo a atenta protección dos reis de Oviedo, León e finalmente de Castela, así como dos reis de Pamplona e de Aragón. A partir dos anos 1070-1080, os reis empezaron a favorecer a chegada de peregrinos a través dos Pirineos e ao longo dun itinerario terrestre, magnificado polas historias de Carlomagno e balizado con asentamentos dotados con foros para atraer a novos residentes. O Camiño de Santiago nace así, non só das necesidades de poboar un territorio que pode ofrecer a artesáns, mercadores, artistas, intelectuais e ata labradores, oportunidades que non existían noutros lugares, senón tamén dunha profunda comprensión espiritual que non vén determinada nin desde Roma nin desde Cluny. A riqueza da lenda do Apóstolo estaba xa fraguada antes do desenvolvemento da reforma cluniacense e gregoriana. De feito, cando en 1074 o papa se dirixe aos reis de Castela e de Pamplona para insistir sobre o principio da unión necesaria de todos os fieis baixo a única autoridade da Igrexa de Roma e pola adopción dun mesmo rito (o romano), Gregorio afirmaba que a evanxelización de España fora feita desde Roma por sete bispos enviados polos apóstolos Pedro e Pablo, negando así a tradición dunha evanxelización da Península polo apóstolo Santiago, directamente desde Xerusalén.

Doutra banda, non deixa de ser curioso que o relato da lenda do Graal que pon a O Cebreiro no mapa de Europa teña como protagonista precisamente a pouca fe dun monxe de Aurillac, abadía francesa cluniacense da que dependeu  O Cebreiro.


Contexto histórico

Camiño de Santiago

Crese que o rei Alfonso II de Asturias, tras a violenta morte do seu pai, pasou algúns anos da súa infancia no mosteiro de Samos. Nese primeiro retiro o futuro monarca recibiría unha formación monástica que seguramente poida explicar moitas das súas posteriores actuacións, propias dun verdadeiro home de igrexa. Dalgunha maneira, a acollida que estes monxes lle brindaron na súa infancia, foi devolta a Galicia en forma de recoñecemento ao valor e impulso tan relevante que este rei lle deu á lenda do Apóstolo. Alfonso II o Casto non só foi un líder eficaz en termos políticos e militares (non en balde reina durante 50 anos), senón que a súa devoción e accións en relación co Camiño de Santiago establecérono como unha figura crucial na historia relixiosa de Galicia, España e Europa.

Segundo a lenda, foi o primeiro peregrino que viaxou a Santiago, partindo desde a corte en Oviedo e percorrendo  probablemente a ruta que seguía ata Astorga e dende alí entraba en Galicia polo Cebreiro. O que hoxe se coñece como Camiño Primitivo precisamente atribuido a esta viaxe de Alfonso o Casto é o trazado máis curto, pero non necesariamente o que fixo o monarca, do cal non quedou documentación. Era o ano 813, ano no que o eremita Pelaio descobre o sepulcro do Apóstolo Santiago, guiado por unhas luminarias no ceo, ou estrelas, que o conducen ao Bosque de Libredón, ou o que hoxe é Santiago de Compostela. Ao ser informado deste achado, Alfonso II non dubidou en recoñecer a súa importancia e embarcouse nunha peregrinación desde a capital do seu reino, Oviedo, ata o lugar do descubrimento. Esta peregrinación non só foi un acto de devoción persoal, senón tamén unha poderosa declaración política e relixiosa. Ademáis de facer o camiño, tamén ordenou a construción dunha igrexa en honra aos restos do Apóstolo, o que dous séculos máis tarde acabouse convertendo na catedral de Santiago de Compostela. Pero naquel entón non era moito máis que un centro rural practicamente abandonado. A basílica asentouse sobre un mausoleo, erixido en época alto imperial romana (séculos I-II d. C.), nunha necrópole da que se coñecen, entre outros restos, varias inscricións funerarias. A atribución da condición de tumba apostólica fixo xurdir un pequeno núcleo rural coñecido como Locus Sancti Iacobi.

Alfonso II o Casto no Libro dos Testamentos da catedral de Oviedo 


Alfonso II plantou a semente da peregrinación tamén en Oviedo, centro do seu reinado e á que dedica unha fervente promoción relixiosa, de feito as reliquias de Oviedo teñen unha importancia maior que as do Apóstolo na escala xerárquica, pois corresponden ao sudario de Cristo. Mais así e todo, non sendo Compostela máis que un escaso poboado abandonado terminou por se converter nun centro espiritual á altura de Roma e Xerusalen. Os puntos clave da lenda eran, antes que Compostela, Muxía e Padrón, pois, se algo recolle a tradición xacobea é precisamente a herdanza da tradición celta que desde sempre virara ao redor dos lugares que vivian fronte ao mar, este é o significado do topónimo galo Aremorica, que derivou en Armórica, e que ven tendo unhas similitudes nada desdeñables co termo que designou o lugar do enterramento do Apóstolo. Por outro lado, a etimoloxía do nome de Pelaio, o ermitán que descobre o sepulcro do Apóstolo provén do grego pelagios e do latín pelagius, e ambos significan «mariño», «home de mar». A propia lenda recolle a tradición celta das embarcacións que viaxan cara o Outro Mundo. Os discípulos do Apóstolo, tras rescatar o corpo decapitado de Santiago o Maior en Xerusalén, sucan mares e océanos nunha barca de pedra e enfilan as augas da ría de Arousa remontando o leito do río Ulla, ata chegar a Padrón. Tras o enfrontamento coa raiña lupa, conseguen atopar un lugar de enterramento, o cal será descuberto 8 séculos máis tarde no bosque Libredón.

O Cebreiro

No ano 835, Otero Parga data a primeira hospedería que existiu en O Cebreiro, coincidindo co inicio da peregrinación á tumba do Apóstolo Santiago. No ano 883 menciónase o mosteiro de O Cebreiro nun privilexio de Alfonso III, onde se deixa constancia de que fora restaurado por Sisnando, bispo de Iria Flavia e antigo monxe deste mosteiro, quen no ano 869 xa deixara O Cebreiro para trasladarse á diocese de Iria. En 1072, Alfonso VI cedeu o mosteiro e o hospital a Saint-Géraud de Aurillac, unha abadía independente pero moi vinculada a Cluny. A casa de O Cebreiro integrouse na corrente cluniacense, época durante a cal tivo un papel fundamental na atención aos peregrinos que viaxaban a Santiago de Compostela. Nos seguintes anos os Reis dotaron ao mosteiro de numerosos privilexios, como a exención de tributos, o que lle converteu nun dos santuarios máis importantes de toda Galicia. No século XIV alcanzará fama universal, grazas ao Miragre do Santo Graal (que xa relatamos noutra entrada).

A partir do s. XV Aurillac atópase en franca decadencia, e en setembro de 1486 os Reis Católicos realizan unha peregrinación a Santiago que resultou providencial, pois ao ver o seu lamentable estado, doan o relicario e deciden intervir para que recuperase o seu glorioso pasado. En 1487, toman a iniciativa de restauralo, interrompendo a relación con Aurillac e pasando a depender do mosteiro de San Vicente do Pino en Monforte. En 1496 e por mediación dos Reis Católicos, unha bula de Alejandro VI someteuno á autoridade de San Benito de Valladolid. Desta maneira, O Cebreiro pasa a depender dunha casa española. O empeño dos Reis Católicos por engrandecer O Cebreiro está presente nos continuos privilexios que se lle irán outorgando ao longo dos anos e que se suman aos xa obtidos en épocas anteriores doutros reis.

No s. XVI os privilexios reais continuaron, da man de Carlos I e de Felipe II. Na seguinte centuria comezou unha nova etapa de decadencia, marcada polo descenso das peregrinacións a Santiago, e un terrible incendio que aconteceu en 1641. O declive continuou ao longo dos anos ata que, a mediados do s. XIX, os poucos monxes que quedaban foron expulsados como consecuencia das desamortizacións. Ao longo destes anos arruináronse a maioría das dependencias monásticas.

E tal como a orixe deste enclave estivo vinculada en algún punto aos franceses e á orde cluniacense de Aurillac, tamén os franceses supuxeron para este lugar o inicio da escuridade e o misterio. Tendo en conta a posición estratéxica de paso entre Castela e Galicia, O Cebreiro tivo unha importancia vital na loita contra os franceses na guerra da Independencia. En 1809 as tropas de Moore invaden os montes do Cebreiro na súa fuga cara a Lugo e Coruña. Nesta loita, tropas francesas dan morte a Fournier, gobernador de Lugo. O irmán do gobernador reacciona dirixindo unha expedición de castigo devastando ao seu paso bosques e pobos. Nesta loita, son destruídos os libros antigos do Cebreiro, co que perdemos así boa parte da súa documentación e historia, sumindo a este lugar no misterio.

Foto extraída de aquí


Fotografía tomada en O Cebreiro en 1929 incluída no «Libro de oro de Lugo»


A partir de 1960 O Cebreiro sufriu  unha gran expansión, data na que se comenza a restaurar o templo parroquial, e se adecenta para hostal o que fora antigo mosteiro hospital mesón de peregrinos, promovida polo seu párroco máis celebre, ElíasValiña Sampedro, un dos principais responsables da actual revitalización das peregrinacións a Santiago. Certamente, o templo atopábase en condicións lamentables, e a torre corría incluso risco de desplomarse. Coas suas investigacións, guías e entusiasmo, Elías Valiña contribuiu coma ningúen á recuperación do camiño, creador das flechas amarelas e da señalización dos itinerarios dende os Pirineos, así como o impulsor da creación de asociacións de peregrinos.

Igualmente non podemos deixar de constatar que tamén ten sido este o momento onde aquel poboado tradicional e prehistórico perdeu a súa esencia, motivo polo que tamén hoxe resulta dificil afondar na súa riqueza máis profunda. Entre 1962 e 1964 a aldea foi reconstruída, da man de Manuel Chamoso Lamas, naquel momento Comisario de Belas Artes do Noroeste, e o arquitecto Francisco Pons-Sorolla e Arnao. Neste periodo desapareceu a talla románica do Crucificado, que tras ser enviada a restaurar a Madrid nunca máis se soubo do seu paradoiro, pero tamén neste periodo desapareceron os dous retablos barrocos que había no interior e outras tallas da que nos da conta L. López Pombo:


Ambos retablos fueron desmontados durante las obras llevadas a cabo a partir de 1960, dado que el día 19 de octubre de 1962 visitan el poblado don Francisco Pons Sorolla y don Manuel Chamoso Lamas, quienes ha comprobado la existencia de una primitiva fábrica prerrománica por debajo de las cales y escombros del templo actual. Es decir la iglesia parroquial es mucho más antigua de lo que se creía. Decía que los retablos fueron desmontados, y tanto de los mismos como de las tallas que figuran en las fotografías fueron llevados a otros sitios. Elías Valiña Sampedro, en el Inventario Artístico de Lugo y su Provincia, tomo II, página 131 dice: "Hay otras interesantes tallas propiedad de ésta iglesia: un Cristo, 1,05, en la capilla de Fonteferreira, siglo XVIII; en la capilla de Barxamayor, un Evangelista, 1,05, y dos altorrelieves, Padre Eterno y Evangelista, 090. Retirados de culto Un copón liso, 025; cáliz barroco, 025, siglo XIX; custodia, 0,60; Lámpara de metal".
 
Ao comenzo desta restauración ainda vivían veciños nas pallozas, pero a Dirección Xeral de Arquitectura construiu novas vivendas para os campesiños adquirindo, a cambio, dúas pallozas para destinalas á paradóxica función de museo etnográfico, co que, en lugar de conservar, puxo fin a unha forma de vida ancestral. Máis adiante adquiriu outras dúas e son en total catro as pallozas que dependen da Consellería. Según relata Luis López Pombo:

Posteriormente la Dirección General del Patrimonio Artístico realizó intervenciones en las pallozas convertidas en museo, algunas de estas intervenciones fueron poco acertadas, ejemplo el empleo de cemento, pisar las cuadras con lajas de pizarra y selladas con cemento, empleo de telas asfálticas; desaciertos que se fueron corrigiendo y que en la actualidad la Consellería de Cultura mejora la musealización de otras dos y de las dos que ya había.

Pouco a pouco, a invasión descontrolada e masiva que se foi producindo en O Cebreiro a partir deses anos, sumado ao desinterés por todo o que non seña camiñar, comer, durmir e mandar fotos, foron xerando unha nociva desmemoria que hoxe resulta nunha estraña sensación de irrealidade que invade todo o conxunto.


Igrexa de Santa María a Real

A parroquia de Santa María de O Cebreiro sitúase na parte máis occidental do concello de Pedrafita, nunha paraxe montañosa que supera os 1.000 metros da altura. A actual igrexa prerrománica de O Cebreiro é o templo máis antigo da Ruta Xacobea, comenzou sendo unha hospedería para albergar aos peregrinos que chegaban en dirección a Compostela. De estructura prerromana, a súa antigüedade remóntase ao século IX. O edificio conforma un exemplo característico da arquitectura altomedieval galega, con notables influencias da arte asturiana. Según nos di Victoriano Nodar, a instalación dos monxes de Aurillac no mosteiro a finais do século XI debeu de supoñer unha renovación do templo que non alterou en gran medida a sinxela estrutura orixinal, pero que introduciu elementos que nos falan dunha linguaxe artística xa románica, aínda que sen grandes pretensións, e realizado tamén por artífices locais. 

De planta irregular, a igrexa está realizada con sillería de lousa, e utiliza o granito para as zonas más importantes, o cal tivo que traerse desde lonxe, debido á ausencia del na comarca. Presenta unha robusta torre de pequena altura e campanario, semellante ás torres que teñen os templos de Liñares e Hospital da Condesa, outrora ambos baixo a xurisdición do Priorado de O Cebreiro. O seu exterior é sobrio cunha porta adintelada que se cobre cun pequeno pórtico onde se abre un arco de medio punto, o edificio ten tellado de lousa a duas augas.
No interior está conformado por tres sencillas naves que rematan en ábsides con cabeceiras rectas. A nave central é máis ancha e alta que as laterais, e está separada delas por medio de tres piares de granito que sosteñen dous grandes arcos de medio punto. Os ábsides cóbrense con bóvedas de canón e o teito está cuberto por unha estrutura de madeira a dúas augas. As naves laterais sepáranse entre si por medio de arcos faixóns de medio punto. A nave maior ten catro pequenos vans abertos en saetera que filtran a luz. No costado da nave setentrional atópase a capela do Milagre, onde se atopa o relicario doado polos Reis Católicos, o cáliz e a patena. A capela comunícase co presbiterio por medio dun arco apuntado. No muro meridional hai dúas tumbas antropomórficas, que albergan os restos dos dous protagonistas do milagre, o monxe e o fiel que acudiu á misa.


Entre os elementos de arte do mobilirario interior da igrexa destaca a pila bautismal, que é a única testemuña que sobreviviu do templo fundacional do s. IX. Trátase dunha sinxela pila granítica de estrutura circular, onde os bautizos se facían por inmersión

Pero sen dúbida as obras máis coñecidas son o cáliz, a patena, o relicario e a talla da Virxe sedente co Neno.




Virxe románica

Unha das xoias románicas que conservou o santuario de O Cebreiro foi esta talla de madeira policromada de considerables dimensións (105 cm) que representa á virxe sedente co Neno. Como titular da igrexa, a imaxe foi sempre venerada. É a protagonista dunha concorrida romaría local que aínda ten lugar a principios do mes de setembro, sobre todo porque a tradición popular a relaciona co miragre eucarístico acontecido no templo. Segundo esta tradición, a imaxe, que entón presidía o altar maior, inclinaría a cabeza cara a adiante en sinal de respecto e adoración no momento no que se produxo o milagre. Probablemente, a explicación desta postura se deba a que debeu estar concibida para estar situada nunha posición elevada, o artista lograba así o contacto visual co fiel. 

Ainda que hoxe son varios os artigos en prensa que poñen en duda a localización da virxe orixinal, no estudo de Victoriano Nodar sobre a igrexa de O Cebreiro atopamos explicacións sobre a customización tan particular que tivo lugar nesta talla e que é unha proba da riqueza cultural do patrimonio cando está vivo. Froito da profunda devoción local, a imaxe sufriu un proceso de adaptación e actualización en época moderna que a cubriu de vestiduras e postizos para adaptar o seu arcaico aspecto ás necesidades da relixiosidade daquel momento. Desta forma, a talla presidiu o retablo neoclásico que cubría o muro oriental do presbiterio ata o ano 1962 no que foi eliminado durante as obras de restauración da igrexa. Ademáis, xa no ano 1922 fora levada a Lugo para ser restaurada dos danos que sufrira nun incendio que se declarou na igrexa o ano anterior. A intervención non debeu de pasar dun simple lavado de fronte sen modificacións esenciais xa que se volve a vestir a imaxe con túnica e manto novos e volveuse a situar o neno sobre o seu brazo esquerdo. Más agresiva, en cambio, foi a restauración realizada no ano 1971 polo escultor compostelán Alfonso Sanmartín na que, claramente, existiu unha vontade de devolver a talla á súa suposta forma orixinal. Unha restauración "en estilo" na que non se dubidou en substituír a cara do Neno e parte da Virxe e outras zonas danadas ou desaparecidas da talla por outras novas que tivesen un aspecto máis románico. 


Curiosamente o aspecto máis románico da talla foi fruto dunha restauracion moderna do ano 1971


Orixinalmente debeu de tratarse dunha imaxe da Virxe pertencente ao tipo iconográfico máis antigo denominado sedes sapientae no que o Neno senta no colo da súa nai sen máis relación entre ambas as figuras. O modelo iconográfico ten o seu modelo na Theotókos bizantina, un tipo iconográfico da Virxe no que aparece sentada nun trono co Neno Xesús no seu colo, mirando ambos á fronte. É unha iconografía propia do Románico e o Gótico, que se divulga a partir do século XII, e que facía de María un equivalente a Sofía grega, Trono ou Sede de sabedoría, recollendo a tradición veterotestamentaria da sabedoría.
Por encima de todos os santos, María posuíu en grao perfecto a virtude da Sabedoría, máis aínda, Ela é a Sede da Sabedoría. Hai unha Sabedoría que non se adquire cos recursos humanos, senón que é un Don sobrenatural infundido polo Espírito Santo. Este Don, como ensina Santo Tomás de Aquino, consiste nun profundo coñecemento de Deus e dos seus altísimos misterios, coñecemento encamiñado non tanto a satisfacer a intelixencia que contempla, canto a alimentar e atraer a vontade coa forza do amor. María levou no seu seo á Sabedoría Increada pero a súa mente e o seu corazón foron máis anchos e capaces que o seu mesmo seo, di San Buenaventura. A Iglesia invócaa Trono da Sabedoría.


A Virxe, de canon alongado e estilizado, senta sobre un trono sen respaldo, a súa posición é totalmente frontal cos dous brazos flexionados xunto ao torso, o dereito lixeiramente máis levantado xa que debeu de soster orixinalmente un froito que ofrecía ao Neno. Viste con túnica e manto que cubre a figura pero que deixan intuír algo da anatomía subxacente, sobre a cabeza, un veo curto deixa ver parte do pelo antes de caer sobre os ombreiros e as costas. O Neno, pola súa banda, é tamén unha figura totalmente frontal que bendí coa man dereita e que hoxe sostén coa esquerda unha froita que debeu de substituír a un antigo orbe nalgunha das restauracións que tivo o conxunto. Viste túnica e manto sobre un dos seus ombreiros que forma pliegues máis aplanados e de caídas convencionais pero que cinguen a anatomía. O forte hieratismo que presentan ambas as figuras, o tipo iconográfico de Virxe Theotókos e o tipo de encartados permiten situar a súa realización a mediados do século XII en relación cos próximos talleres leoneses de escultura exenta. De feito, resultan moi suxestivos as similitudes desta peza coa Virxe en Maxestade, antiga titular da Catedral de Astorga coa que comparte, ademais dun mesmo canon alongado e tamaño similar (118 cm), o mesmo tipo iconográfico, a posición dos brazos das dúas figuras, o tipo de rostro coa boca pequena e fina e o queixo retraído e mesmo a inclinación cara adiante da cabeza que, no caso de O Cebreiro, a tradición relacionou posteriormente co Santo Milagre. 

Virxen en Maxestade, da Catedral de Astorga

Non só a proximidade xeográfica senón tamén o feito de que tanto O Cebreiro como Astorga sexan dous fitos importantes dentro do Camiño Francés, dos que xa anteriormente falamos como primitivos puntos de conexión da ruta que probablemente teña sido a máis primitiva.




Relicario do Santo Milagre
Na ábsida dereita da igrexa atópase hoxe situado o chamado altar do Santo Milagre onde se custodian dentro dunha vitrina de seguridade o relicario regalado polos Reis Católicos para gardar os restos de carne e sangue do milagre eucarístico e o cáliz e a patena nos que, segundo a tradición, materializouse o prodixio. O cáliz, realizado en prata dourada, está formado por unha copa semiesférica e un pé abucinado, ambos unidos por un groso nó esférico. Ambos os obxectos foron datados na segunda metade do século XII en vista da súa decoración e tipoloxías tipicamente románicas para os que atopamos un importante parangón no chamado cáliz de San Rosendo que hoxe garda o museo da Catedral de Ourense e cuxa factura foi situada tamén en pleno século XII. 






Entradas relacionadas
https://blog.martacuba.com/2025/02/santa-maria-real-de-o-cebreiro-ii.html
https://blog.martacuba.com/2025/02/santa-maria-real-de-o-cebreiro-i.html