Da necesidade de amoblar o espazo que habitaremos durante os próximos 3 meses, xurdiu, á súa vez, a necesidade de percorrer a cidade en busca de pequenos comercios onde poder completar a compra máis grande e menos gratificante, feita nun espacio comercial máis grande. Un día de permanente chuvia, non moi propicio para andar carretando bolsas e paquetes, pero sí para convidarnos a entrar en establecementos singulares como é o dos Maragatos na rúa de San Pedro. Entre os felpudos amontoados na porta de entrada, un deles, que encaixaba á perfección coas particularidades da nosa nova casa, captou particularmente a nosa atención, ademais, por suposto, do entusiasmo de María que xa fichara esta tenda en días anteriores. Este felpudo foi, por tanto, a nosa particular porta de entrada ao mundo interior de Carmen, dona e rexente deste local cargado de historia e de tesouros. De primeiras, Carmen non parecía moi predisposta á expresividade, mais non fixo falta moito para comenzar a tirarlle da lingua, unha vez arrancou xa non puido parar e ata pasadas unha hora e pico non conseguimos sair do local, eso sí coa cabeza chea de información que tratábamos de asimilar. Descubrimos en Carmen unha muller cargada de mundo, de coñecemento e sabeduría, pero non só nos contou parte da sua historia xunto coas emocións vinculadas a ela, tamén nos abriu as portas dos rincóns máis escondidos que conforman este negocio familiar na rúa de San Pedro, e polo que teñen pasado tres xeracións de maragatos, enchendo de historia á cidade e a un local que non pode máis que transformarse en museo.
Máis tarde, puiden comprobar que, sen dúbida, tamén este encontro "casual", tiña relación con Venera, o proxecto que vin a desenvolver aquí. Por suposto, tan só era necesario tirar do fío, elemento que non falta, precisamente, neste establecemento. Unha das cousas máis gratificantes do meu particular método de estudo do símbolo é que, ata a tarefa máis insignificante, pode resultar nunha marabillosa porta de entrada cara a mundos nos que atopar relacións. Venera é o título que dá nome ao proxecto, e nas súas bases atópase, en esencia, a noción de centro. O centro é o que xera movemento, aínda que el non se mova, o centro é o lugar cara ao que camiña todo peregrino, o centro é o lugar no que conflúen os surcos da vieira, insignia xacobea, pero tamén da deusa do amor, o centro é o xardín primordial, xerador de vida e de movementos que cada corpo encarna, o centro é a capacidade de poñer en relación. E isto é o que hoxe imos facer, precisamente grazas a un deses fortuítos (ou non tanto), encontros.
E o certo é que outro fortuito encontro tivo lugar hai uns meses, precisamente por mor dunha actuación de danza no Incio, alí tiven a oportunidade de coñecer a Antón Cando, e con él o libro, que xunto a María Cando e Tino Díaz, escribiron sobre o itinerario histórico e cultural do traxecto realizado polos boieiros dende o concello de Baleira (Lugo) ata Benavente (Zamora), para comercializar gando. O libro titúlase "A rota dos boieiros", e dalgunha maneira vénse a sumar aos roteiros e camiños que se despregan pola nosa xeografía, coma se dunha rede de venas e arterias se tratase. Ao roteiro dos boieiros, hoxe unimos o roteiro dos maragatos, palabra que podería provir dos comerciantes de peixe que, dende o mar de Galicia á capital de España, ían “do mar aos gatos” (nome referido aos madrileños dende o século XI, por mor dun soldado de Alfonso VI que, atacando o Madrid árabe, trepou a muralla con tal axilidade coma se dun gato se tratase). Este particular camiño que outro tipo de peregrinos percorreron no seu día, desde o mar aos gatos, reflicte, dende logo, unha das particularidades destas terras norteñas lindeiras co mar. Que é o mar, senón ese impulso cara ao descoñecido no que todo peregrino se embarca. Non debemos esquecer que na orixe da lenda xacobea está precisamente unha viaxe por mar nunha barca de pedra, pedra, que como as de Santiago ou as de Lugo e as súas murallas, son símbolos de centro.
E que marabilla descubrir as orixes desta saga de maragatos en Lugo, que desde 1850 ata a actualidade deixaron pegada na cidade, e cuxas orixes están 'nun reino secreto”. Así é como nolo atopamos definido nesta marabillosa web que recompila a historia dos maragatos. Desde o punto de chegada, en Lugo, nárranos a viaxe cara ao misterio maragato no punto de partida, o concello leonés de Santa Coloma de Somoza.
"Te esperamos en el corazón de la Maragatería, mirando desde el horizonte el futuro porque así lo quisieron nuestros antepasados; os damos la bienvenida, porque arrieros somos y en el reino secreto de Santa Colomba de Somoza nos encontraremos”.




