Prerrománico en Santalla de Esperante

Ventá trífora prerrománica en Santalla de Esperante

Neste blog temos falado sempre da importancia das relacións marítimas en torno a cornixa atlántica e cantábrica que en Galicia estiveron na base do desenvolvemento da lenda xacobea, a cal, a pesar de que ainda hoxe moitos neguen a súa realidade histórica, foi froito das conexións marítimas do norte peninsular con Francia e as Illas Británicas. Ainda que se tende a considerar a Idade Media (entendida como un período “intermedio”) como un período totalmente diferente do Imperio Romano, hai outras teorías que nos falan máis ben de continuidade e non de ruptura. A principal diferenza que caracteriza este período é a sustitución dos cultos paganos polos cristiáns. A Idade Media é o periodo de triunfo do cristianismo tanto en Oriente como en Occidente. Pero as institucións do poder romano continúan en Oriente e os dirixentes e monarcas do mundo bizantino serán un referente claro para os monarcas cristianos do mundo occidental. O reinado de Alfonso II en Asturias e Galicia é unha proba desta continuidade que toma como referente a grandiosidade dos monarcas bizantinos, e conecta o norte peninsular co reino francés de Carlomagno.

Hoxe traemos unha nova proba destas conexións culturais e artísticas de continuidade entre os territorios da cornisa cantábrica do norte da península, ainda que (por desgracia) de forma xeneralizada en Galicia, o único interese de contunuidade que existe é con respecto ao mundo castrexo, (se nos descuidamos, fano chegar aos nosos días). Trátase do recente descubrimento na igrexa parroquial lucense de Santalla de Esperante, dunha ventá prerrománica de tres arcos, similares ás que posúen algunhas das principais xoias do prerrománico asturiano como son a igrexa de San Tirso el Real, Santa María de Bendone ou San Julián de Prados, todas elas mandadas construir por Alfonso II o Casto, principal impulsor da lenda xacobea en Galicia e gran promotor de construcións relixiosas e civís no norte de España. Según un estudo de Adeline Rucquoi, a peregrinación a Santiago durante os dous séculos que seguiron ao descubrimento da tumba do apóstolo parece realizarse maiormente por vía marítima, unha herdanza do tipo de conexións que predominaron nos séculos anteriores. O antigo roteiro marítimo que unía, en época romana, os portos da cornixa cantábrica con Aquitania existía aínda no século VI, como o testemuña Gregorio de Tours no De miraculis sancti Martini. Desta ruta de conexión marítima quedou constancia tamén no sartego do Conde Santo en Lourenzá, traído probablemente desde Aquitania a Galicia, e envolto ademais nunha lenda similar á do Apostolo. Outra importante herdanza do mundo romano foi a importancia estratéxica da cidade de Astorga, dende onde se centralizaban as conexións viarias do cuadrante noroeste ibérico. É así que moi probablemente, a ruta que seguiu o monarca Alfonso II como primeiro peregrino que viaxou a Compostela, puido partir desde a corte en Oviedo e percorrer a ruta que seguía ata Astorga, e dende alí entrar en Galicia polo Cebreiro. O que hoxe se coñece como Camiño Primitivo precisamente atribuido a esta viaxe de Alfonso o Casto é o trazado máis curto, pero non necesariamente o que fixo o monarca, do cal non quedou documentación. Era o ano 829, ano no que o eremita Pelaio descobre o sepulcro do Apóstolo Santiago, guiado por unhas luminarias no ceo que o conducen ao Bosque de Libredón, ou o que hoxe é Santiago de Compostela. Ao ser informado deste achado, Alfonso II non dubidou en recoñecer a súa importancia e embarcouse nunha peregrinación desde Oviedo ata o lugar do descubrimento. Esta peregrinación non só foi un acto de devoción persoal, senón tamén unha poderosa declaración política e relixiosa. Do vínculo do monarca con Galicia tampouco hai dúbidas, pois pasou algúns anos da sua infancia no mosteiro de Samos, onde recibiu unha completa educación monástica. E ademáis de facer o camiño, tamén ordenou a construción dunha igrexa en honra aos restos do Apóstolo, o que dous séculos máis tarde se convertiría na catedral de Santiago de Compostela. Pero naquel entón non era moito máis que un centro rural practicamente abandonado. A basílica asentouse sobre un mausoleo sepulcral, erixido en época alto imperial romana (séculos I-II d. C.), nunha necrópole da que se coñecen, entre outros restos, varias inscricións funerarias e fenestellas martiriales (que evidencian o culto a mártires cristianos). A 
continuidade entre o mundo romano e o cristianismo en Galicia queda patente na propia catedral compostelana, erixida sobre un anterior culto a Xupiter, na vila romana de Asseconia. A atribución da condición de tumba apostólica fixo xurdir un pequeno núcleo rural coñecido como Locus Sancti Iacobi. A propia lenda do apóstolo fálanos da importancia simbólica do territorio de Galicia, no que tivo lugar un proceso moi dinámico de continuidade entre o Imperio Romano e o mundo cristián. Non hai dúbidas acerca do rol pioneiro e central de Galicia na recepción e expansión do cristianismo na Península Ibérica durante os séculos posteriores á caída do Imperio Romano de Occidente. Esta importancia foi debida probablemente á localización estratéxica de Galicia, situada no medio dos grandes roteiros marítimos que conectaban Oriente con Occidente. A filiación cultural e xenética foi intensa con fenicios e romanos, na Idade Media e xa na Prehistoria, pero ademáis tamén a comunicación por vía marítima foi prolongada no tempo e sen apenas cortes entre Britannia e Gallaecia, como tamén coas costas atlánticas francesas, un vínculo centenario entre os territorios que vivían fronte ao mar, que ademais é recollido e reflectido pola propia lenda xacobea.

A importancia da actividade constructora e o impulso do rei Casto ao desenvolvemento cultural e artístico de Galicia e da lenda xacobea, queda patente tamén na construción da catedral de San Martiño de Mondoñedo, pois os bispados históricos que se inscribían no seu reino (o britoniense, o lucense e o iriense) foron xestionados por este monarca, e resulta moi probable que durante os últimos 10 anos do seu reinado, procedera a dividir a antiga diócese britonense en dúas partes: unha oriental con sede na nova urbe rexia ovetense e outra occidental con sede en "Mendunieto", da que a actual igrexa de San Martiño de Mondoñedo en Foz foi a súa herdanza, e tamén onde se conservan os frescos románicos máis antigos de Galicia. Tamén a catedral de Lugo, restaurada polo bispo Odoario no século VIII, serviu de modelo recoñecido polo propio Alfonso II para edificar a catedral de Oviedo. Son varias as excavacións arqueolóxicas que nos amosan a transformación dun espazo romano en templo cristián, como exemplo a enigmática Santa Eulalia de Bóveda.


E ainda que hoxe abundan os que se afana en establecer relacións de competencia para calibrar quen foi antes, se Asturias ou Galicia, ningunha destas relacións de competencia se poden intuir neste período, pois falar de Asturias no século VIII e IX é o mesmo que falar de Galicia, pois tamén no territorio houbo unha continuidade que enlazou todo o norte peninsular ata chegar a Francia. Pero incluso quenes tanto se afanan en marcar quen foi antes ou despois vólvense cegos ante a realidade que evidencia o grandioso desenvolvemento da semente que Alfonso II plantou en Compostela. Como fervoroso cristiano que foi, tamén plantou a semente da peregrinación en Oviedo, centro do seu reinado e á que dedica unha forte promoción relixiosa, de feito as reliquias de Oviedo teñen unha importancia maior que as do Apóstolo na escala xerárquica, pois corresponden ao sudario de Cristo. Mais así e todo, non sendo Compostela máis que un escaso poboado abandonado terminou por se converter nun centro espiritual á altura de Roma e Xerusalén. Este pequeno detalle parece ser o gran ignorado entre gran parte da intelectualidade galega moderna, tan afanada en buscar probas da importancia de Galicia como territorio político máis que cultural (sobre todo porque o cultural nesta época é sinónimo de relixioso).

Representación de Alfonso II no Libro dos testamentos, c. 1118, catedral de Oviedo

Según os análisis publicados por Culxeo -Universidade da Coruña: a ventá de Santalla de Esperante está construída no máis puro estilo prerrománico, con tres ocos formados por arcos de medio punto sobre columnas, onde o arco central é lixeiramente máis grande que os laterais, seguindo o canon do prerrománico asturiano. A xanela trilobulada ou trífora presenta ademais a curiosidade de que foi construída con catro columnas romanas de mármore de estilo corintio que miden pouco máis dun metro de alto.

Fálannos tamén da probabilidade de que este templo fora construido sobre unha antiga vila agraria romana de un rico chamado Esperantius, e que moi probablemente tivera planta de cruz grega, debido a esa influencia oriental que na Alta Idade Media demostran unha continuidade imperial que veía no mundo bizantino o referente a imitar. De feito hai un intento, por parte de Carlomagno, de poder outorgar a Occidente a mesma estabilidade e unión entre o poder político e o relixioso existentes en Oriente. Todo isto lévanos a poñer un pouco en dúbida a descrición habitual tan estendida de que as artes se fragmentan en occidente ata que o románico fai unha unificación na que se recuperan os modelos propios do mundo romano. Bizancio é unha obsesión para todos os monarcas, todos os reis e todos os nobres, desde antes de Carlomagno ata calquera monarca dos séculos X, XI ou XII. O propio Alfonso II comeza o seu reinado establecendo relacións con Carlomagno. Desta continuidade dan conta similitudes como vemos na cruz bizantina de Justino II, ou Cruz Vaticana (regalo do emperador bizantino e a súa esposa Sofía ao pobo de Roma), coa cruz dos Ángeles ou a cruz da Vitoria de Oviedo. Así mesmo, os reis astures Alfonso III e Ximena donan unha cruz similar á cruz dos Ángeles de Oviedo á catedral compostelana no ano 874, a máis antiga ofrenda ao apóstolo. Estas cruces, aínda sendo elementos cristiáns, tamén tentan prorrogar a riqueza presente dos templos pagáns, nunha liña de continuidade que é moito menos rupturista do que a miúdo nos trasladaron.



Cruz votiva de estilo asturiano que o monarca Alfonso III o Magno e a súa muller Ximena doaron, con motivo da súa peregrinación a Compostela no 874, ao altar de Santiago. Xoia de gran carga simbólica, xa que se trata da máis antiga ofrenda ao Apóstolo que chegou ata o século XX, desapareceu da catedral compostelá en maio de 1906, sen que se volvesen a ter noticias do seu paradoiro. Realizada en Oviedo, capital do reino, era moi semellante á hermosísima cruz dos Ángeles, conservada na basílica ovetense e realizada case setenta anos antes (808). A que para moitos foi -e foino aínda máis tras o seu estraño e nunca aclarado roubo- a máis mítica obra do tesouro catedralicio santiagués, medía 46 cm de alto por 44 de ancho e 2 de grosor. A súa anchura oscilaba entre os 6 e os 3,5 cm. Sobre unha estrutura basee de madeira recuberta de láminas de ouro cunha trama de filigrana e dúas medallones na cruceta, repartíanse preto de oitenta pedras preciosas e finas, entre as que o historiador santiaguista Mauro Castellá Ferrer (s. XVII) cita -tras advertir que xa naquel tempo faltaban moitas- topacios, amatistas, turquesas, cornalinas e perlas (texto extraído de aquí). Unha peza que nos suxire a identificación do rei cos gobernantes do Imperio Romano que continuaba en Oriente.