A montaña cuberta polo verxel


Con este título agrupei unha serie de artigos creados durante a miña estancia na fértil comarca dos Ancares, algúns deles xurdiron a partir da visita a diferentes templos ou igrexas da comarca, na sua maior parte practicamente esquecidos e en desuso. Penetrar nos tesouros ocultos da montaña lucense permitiume profundar un pouco máis nos meus estudos en simbolismo, partindo dunha realidade material que comeza na propia dificultade para acceder ás chaves que abren as portas do interior destes templos, e continúa por un camiño que nos conduce cara outra orde de realidade na que tratar de intuír espiritualmente o que materialmente ou historicamente é inaprensible. Aínda algúns dos habitantes desta terra conservan na súa pel algo do aroma propio do simbolismo co que comprender o mundo máis aló das comodidades ou incomodidades materiais. Os 2 anos que vivín en Doncos coincidiron cos últimos anos de vida de meu pai, él representa para min un estraño caso de pureza total, de amor pola aldea e de forma de vida humilde. Dalgunha maneira inconsciente que agora comprendo, a miña estancia nos Ancares foi no fondo unha particular despedida e homenaxe a todo o amor que a súa vida nos regalou e que sementou en min unha dulzura de todo incompatible coa voracidade dos tempos modernos, da cal me sinto moi orgullosa e agradecida. Seguramente el nunca imaxinaría que podería chegar a converterse no impulsor de tan valiosa inspiración. Algunha vez téñenme incomodado as preguntas que pretendían indagar nos motivos polos que decidira instalarme no rural, nin eu mesma os entendía, únicamente trato de escoitalos.

Mirando con un pouco de perspectiva e calma vexo agora todo o fructífera que foi esa estancia, a cal, por suposto, seguirá a ter continuidade, pois o xardín que sembrou en min Doncos non pode máis que seguir crecendo e dando frutos. 

Poñer palabras para pechar ciclos axuda a permitir que sexan outras as portas que se abran a partir de agora.