miércoles, 26 de febrero de 2020

Fulións de Manzaneda (Requeixo, Langullo, Borruga, Bidueira...)


Sen dúbida, o compoñente máis máxico do entroido é o fulión e a súa vocación de camiñante, de visitante e de hospedador.
A ronda do fulión camiña baixo o ritmo marcado das vibracións de bombos, gadañas, martelos e sachos, día e noite. Cada fulión ten un ritmo de seu, característico propio da aldea, e característico propio do instante e as persoas que o conforman. Non está suxeito a programas, horarios ou público. Non hai tumulto nen confusión no fulión. Hai estrondo, ecoar, e vibracións de tambores que converten a todos os asistentes nun único camiñante hipnotizado e guiado polo latexar dos bombos e a solemnidade da montaña. Non é posible chegar á ronda do fulión como espectador, nen tan sequera é doado atopalo, porque o fulión non é un espectáculo, se queres participar do fulión has de chegar sen presa, sen ansia, e sen expectativa, porque o principal compoñente do fulión é o tempo.
As rondas do fulión seguen o paso marcado polo grupo, sen saber cando vai parar de sonar, nin canto vai durar a parada. O fulión avanza sen parar de tocar, de bailar e de xirar, descansa, retoma forzas e continúa, segue un ritmo acompasado e ininterrumpido, mantén a elegancia e a solemnidade propia da montaña e dos ciclos naturais, non é doado domalo porque a súa esencia é o camiñar, o movemento continuo, o silencio, o son e a vibración.
O fulión é a resistencia dun rural extinguido que manten a salvo a dimensión interior fronte ás agresións externas. Fainos conscientes da conexión que mantemos co espacio e o tempo interior, en oposición á enorme presión psicolóxica á que nos somete a permanente obriga da comunicación utilitarista.
As rondas de fulións visitan as aldeas pedindo permiso previo de entrada para visitar, casa por casa, e facer do camiño un corpo e unha vibración común conectada por un tempo que non alcanza a ser expresado pola linguaxe. A toma de conciencia de determinadas experiencias para as cales a linguaxe non serve, unha forma de coñecemento dirixida a comprender o que non se pode dicir. Disciplina interior.
O fulión é algo serio, a xente camiña en silencio sen esperar nada del, cunha intención decidida de contemplación, contrario á lóxica imperante, tanto nenos como adultos participan dese oco que se abre ao silencio e a meditación, guiado polo continuo xirar da máscara e o ecoar dos tambores na montaña.
O primeiro que te extraña ao chegar e preguntar polo fulión é que ninguen responda con claridade, ninguén poida dicirche lugar e hora de inicio... Unha vez que estás dentro enténdelo, e cando outros chegan preguntando veste incapaz de responder. O fulión é unha cuestión de fé, de misterio, de humidade, de maxestuosidade, é o exército da espera, a Galicia da porta de atrás.










No hay comentarios: