archivo del blog

martes, 19 de abril de 2022

Penamaior

  

Ábside da iglesia conventual de Santa María de Penamaior

Reliquia do Lignum Crucis de Santa María de Penamaior

En terras do concello de Becerreá, no val dunha das ladeiras da serra do Pico atopamos o mosteiro de Sta María de Penamaior, cunha igrexa que constitue un fermoso exemplo do románico do século XII en Galicia. Tanto a beleza do verde deste escondido e aillado val no que se sitúa, como as historias e lendas que o relacionan coa Orde do Temple e mesmo con prácticas de tortura (entre os seus muros atopouse algunha técnica de castigo medieval) confirenlle ao conxunto un halo de misterio e beleza singulares.

Hoxe en día parece estar únicamente habitado por un conxunto de vacas que pacen tranquilamente ao seu caron e que nos observan de maneira inquietante cando nos acercamos a visitalo. Unha estampa nada casual, pois atendendo a etimoloxía do propio topónimo do concello onde se asenta é posible tamén achegarnos á mirada destas vacas e os seus becerros (cría da vaca que non pasa dos dous anos). Joseph M. Piel dinos que a palabra becerro xunto con bácoro (cerdo pequeno) poderían ter a sua orixe nun dos varios idiomas indíxenas falados no territorio da antiga Gallaecia, anteriormente á sua romanización. Ambos animais foron moi valiosos dende o punto de vista material, polo seu poder de garante económico, pero tamen valiosos no seu aspecto afectivo, compoñente ausente ou menos pronunciado nos términos homólogos latinos tomados ao idioma triunfante do vencedor romano (según a teoría deste autor). En especial con respecto ao becerro e a vaca, este valor afectivo debeu ser importante, pois ainda en época de meus pais non se adoitaba comer esta carne, estando destinada unicamente á súa venta (incluso en epocas de escasez alimentecia).

Outro aspecto misterioso desta igrexa témolo no tímpano da súa fachada, na que vemos representada unha escena onde aparecen un cabaleiro con escudo e lanza, un cabalo sen xinete e unha frondosa árbore na que se aloxan paxaros nas súas ramas, no centro unha cruz decussata ou de Santo André (representa o martirio do santo crucificado nunha cruz en forma de aspa). Ao outro lado da cruz un león e o nome do escultor (ou mestre de taller) e o tempo no que foi realizado.

Algúns autores, recentemente, teñen vinculado esta representación cunha historia do ciclo artúrico, concretamente a novela cabeleresca “Yvain, o Cabaleiro do León” escrita por Chrétien de Troyes. Nela cóntase como Calogrenant -primo de Yvain- atopa unha fonte máxica e dinlle que se verte as súas augas nunha pedra grande, pode quedar exposto a moitos perigos, incluíndo unha terrible tormenta, pero tamén acontecementos marabillosos. Cando o fai, unha tormenta destrúe os cultivos e mata ás persoas do lugar. Pero entón, a marabilla sucede: moitas aves de cancións melodiosas póusanse na árbore, e de súpeto, un cabaleiro loita contra Calogrenant e vénceo. Yvain decide vingar ao seu primo morto. Chega ao castelo, mata ao seu dono e namórase de Laudine, a viúva, casa con ela, pero logo convencido por Galván, volve ás súas aventuras.
Yvain vaga polo bosque, achando un león que está a combater contra un dragón. Decide axudar ao león e salvalo. Como agradecemento, o león queda ao seu lado, polo que se chamará a partir de agora o Cabaleiro do León e ambos vivirán unha serie de aventuras que co tempo van ensinar a Yvain o verdadeiro significado da honra, a amizade e o amor. Certamente os elementos do relevo do tímpano puidesen ter relación con esa historia.

Situado nunha das ramificacións do Camiño de Santiago, moitos peregrinos paraban neste mosteiro para visitar a imaxe da Virxe das Abarcas e a reliquia do “Lignum Crucis” traída polos monxes dende terras lonxanas, famosos ambos polas suás dotes curativas. Entre cualidades curativas e métodos de tortura, ainda despois de tantos séculos da súa construcción resulta tanxible (que pode ser percibido pero tamén tocado) este valor sagrado do lugar onde se asenta e incluso dos animais que o habitan. Coma se todo o que aquí atopamos nos fixera viaxar no tempo e no espacio hacia un lugar no que máis ben estes conceptos se diluen ou desaparecen.

No hay comentarios: